Manuel Fariña denunciará en Europa o estado do Umia
Dende o 2006 que se detectou a microcistys por primeira vez, o único que fixeron a Xunta e o Concello foi converter ao Umia nun camposanto de cartos
O portavoz e candidato do BNG á alcaldía de Caldas participará este xoves día 21 nun foro no Parlamento Europeo baixo o título de “A auga como dereito. A importancia do seu tratamento” no que porá de manifesto e denunciará ante os eurodeputados a situación de contaminación do río Umia, as mentiras da Xunta negando a presenza da toxina microcistina e a irresponsabilidade do Concello de Caldas que se negou en todo momento a mellorar a calidade da auga de consumo coa súa negativa a poñer en funcionamento o sistema de Ozono da ETAP e a renovar os filtros de Carbón activo, que levan un mínimo de 6 anos sen ser rexenerados.
“Iremos ao Parlamento Europeo a denunciar a gravísima situación que se está a vivir cada verán no Umia, no que a irresponsabilidade da Xunta de Galiza e do alcalde de Caldas poñen en serio perigo a saúde da veciñanza de Caldas. Ademáis, dende o 2006 que se detectou a microcistys por primeira vez, o único que fixeron foi converter ao Umia nun camposanto de cartos mentres xogaron ano tras ano coa saúde das veciñas e veciños de Caldas” denunciou Fariña.
Recentemente a Xunta ven de confirmar que si teñen detectado a toxina microcistina no Umia, o cal supón a confirmación de que levan anos mentindolle á cidadanía e aos representantes políticos do Concello de Caldas, motivo polo cal Manuel Fariña pediu a dimisión da Conselleira Ethel Vázquez, quen aínda continúa no cargo. Para o BNG este recoñecemento por parte da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutierrez, no Parlamento Galego debería vir acompañada da dimisión da conselleira, pois supón a confirmación de que levan anos mentindo e xogando coa saúde das veciñas e veciños das comarcas de Caldas e o Salnés.